«O tempo que lle dedico á
fotografía quítollo a estar coa miña familia»
Esteiro é un lugar tranquilo no
que ademais se atopan moitos «bichos» para facer macrofotografías.
A casualidade foi a que fixo que
un bateeiro de Cabo de Cruz acabara metido a fotógrafo. Jesús Torrado, máis
coñecido por Maroñas, non vive da cámara coa que é frecuente velo ao lombo,
pero si é unha parte importante da súa vida xa que, dende hai preto dun par de
anos, ten un negocio, Studio A4, co que, polo momento, «estamos moi contentos».
De seguro, moitos dos seus
veciños o recoñecen por ser o autor da reportaxe fotográfica do seu casamento
ou do bautizo dun fillo, pero agora é el o que se pon diante do obxectivo no
seu recuncho preferido, moi preto da súa casa: o litoral de Esteiro, en Cabo de
Cruz. Alí vive, e gústalle porque é, ou máis ben foi, «un sitio moi tranquilo.
Aínda que agora a xente descubriu esta praia e xa parece que vén todo o pobo.
Se me descoido hai máis xente que en Barraña», bromea.
Ese espazo é tamén un lugar ao
que soe acudir para cultivar unha das disciplinas que máis lle gusta, a
macrofotografía, coa que se captan con todo detalle imaxes de pequenos insectos
que logo poden verse amplificados: «É un mundo apaixonante, e máis relaxado que
o traballo en estudio. Para min é un pouco como ir pescar, podes botar toda a
tarde e facer centos de fotos e ao mellor non consegues nada».
Confesa ser un pouco «lacazán» e,
tamén, que necesita un pequeno empuxón para poñerse en marcha. Esa é unha das
razóns polas que aínda non sacou adiante un proxecto que ten na cabeza dende
hai uns anos: «Quero facer unha exposición de macrofotografía, empecei a
preparala e teño 7 ou 8, pero deixeina un pouco aparcada». O certo é que o tempo tampouco lle sobra, xa que, pese a traballar no seu propio estudo, Maroñas non deixou a súa profesión de toda a vida, a mitilicultura. Asegura que combinar a batea coa cámara non é demasiado complicado porque normalmente vai ao mar só pola mañá, pero tamén recoñece que hai unha cuestión clave que fai posible que concilie unha cousa e outra: «Pódome permitir isto grazas á familia, porque o tempo que lle dedico á fotografía quítollo a estar con eles, sobre todo os fins de semana que case non os vexo. Neste sentido, si é sacrificado compaxinar o traballo na batea e as fotos». A falta de tempo é a razón de que deixara de lado os concursos fotográficos nos que participou noutra época.
Evolución
Un non pasa de ser bateeiro a
afeccionarse á macrofotografía, por exemplo, da noite para a mañá, e este
boirense viviu unha longa evolución dende que, hai 16 anos, descubriu por
casualidade que a foto era o seu. Lembra que antes de viaxar a Italia visitou a
uns parentes en Madrid que lle mostraron unhas diapositivas dos encantos do
país transalpino: «Aí vin claro que quería facer unhas fotos coma aquelas. Ao
principio facía vídeo, pero non me acababa de encher». Pouco a pouco foi adquirindo material, facendo os cursos que se ofrecían na comarca, mercando mellores equipos... Ata que acabou meténdose máis de cheo, saíndo da comarca para asistir a novas actividades formativas, facendo colaboracións e presentándose a concursos. «Eu necesito ter unha motivación, algo que me obrigue a facer cousas, por iso comecei a presentar a concursos de fotografía. Ademais, naquel momento era a única forma de que se vira o meu traballo, e aínda gañei algúns certames».
ENTREVISTA ORIXINAL NA VOZ DE GALICIA
Ningún comentario:
Publicar un comentario