LA VOZ DE GALICA 24/01/2012
«Intento ir máis alá da imaxe e plasmar iso nos meus retratos»
Dedicado a inmortalizar as facianas de familiares e amigos dende hai apenas catro anos, Candiño xa expón en Boiro
A súa é unha afección tardía, pero con botar unha ollada aos traballos fotográficos de Miguel Ángel Triñanes, Candiño, parece claro que toma bastante en serio esta distracción, pese a que o seu traballo e a vida familiar déixanlle pouco tempo para dedicarse aos retratos, a súa especialidade. Ata o vindeiro 22 de febreiro, quen o desexe pode ver que tal se lle dá o manexo da cámara a este veciño de Cabo de Cruz visitando a exposición Encontros, que está colgada nas paredes do centro social boirense.
-¿De onde lle ven a afección á fotografía?
-Pois é moi recente, ata hai catro anos nin sequera tiña cámara. Empecei a dedicarme á fotografía a raíz do nacemento do meu fillo, que ademais é o meu maior crítico. Logo, funme afeccionando pouco a pouco e facendo cursos.
-A súa exposición está composta de retratos, ¿a que se debe?
-É algo que me gusta especialmente, e ademais, nas exposicións que teño visto non soen aparecer retratos e é unha forma de diferenciarme, e iso non é nada fácil nun mundo coma este no que está todo moi visto.
-Hai pouco que se iniciou na fotografía pero xa ten unha exposición propia.
-Xa teño participado en varias exposicións colectivas de Olláparo, colectivo do que son socio fundador. O presidente, Martín Casanova, decidiu que era hora de que voáramos sós e animounos a expoñer. Eu son o segundo que o fai, e a ver como funciona.
-¿Plantexouse a súa afección como unha opción laboral?
-Para nada, eu son amateur total e non teño intención de ser profesional. O certo é que me daba un pouco de apuro expoñer. O único que pretendo é animar á xente a que mostre a súa obra e divulgar a fotografía, promocionar un pouco esta afección.
-¿Hai moitos afeccionados á fotografía na bisbarra?
-Hai un nutrido grupo de xente afeccionada, a min sorprendeume que houbera tanta, quizais porque eu nunca me interesara pola fotografía.
-¿E existe oferta a nivel de cursos e demais?
-Si que hai, estase a desenvolver un curso de fotografía nocturna, houbo outro de movemento... Cursos vai habendo, o único problema son os horarios, se traballas non sempre podes participar en todas as actividades que che gustaría.
-¿Que papel xoga Olláparo na organización deste tipo de actividades?
-Na asociación celébranse reunións semanais e intercambiamos coñecementos, artigos de publicacións especializadas, celebramos cursos e incluso hai moita xente que queda as fins de semana para ir de ruta a facer fotos. Eu, ao traballar de luns a sábado, non teño demasiado tempo para esas saídas. Esa é outra das razóns polas que prefiro o retrato, resúltame máis fácil atopar un oco para facer unhas fotos.
-Pero din que o do retrato é un xénero difícil.
-Todo o mundo di que é o xénero máis complicado, pero a min é o que máis me gusta. Gústame buscarlle un punto distinto ás cousas, ir máis alá da imaxe e plasmar iso nos retratos, é o que intento, saír dos convencionalismos. Persoalmente son introvertido, pero como fotógrafo son moi extravertido e busco sempre algo especial, unha expresión ou unha mirada e trato de captala.
Miguel Ángel Triñanes, «Candiño» Fotógrafo afeccionado
«O que pretendo coa mostra é animar á xente a que expoña a súa obra e divulgar esta afección»
«Empecei a dedicarme á fotografía a raíz do nacemento do meu fillo. É o meu maior crítico»
Ningún comentario:
Publicar un comentario