ENTREVISTAS REALIZADAS POR DIFERENTES MEDIOS SOCIOCULTURAIS E PERIODÍSTICOS A VECIÑOS DE CABO DE CRUZ

O COMETIDO DESTE BLOG É O DE RECOPILAR ENTREVISTAS A XENTE CERCANA A CABO DE CRUZ. A MAIORÍA SON FEITAS POLA VOZ DE BARBANZA, E UNHAS CUANTAS DO DIARIO DIXITAL "CERTO.ES", ASÍ QUE SIMPLEMENTE SON LIGAZÓNS A ALGÚNHAS DESAS REPORTAXES. OUTRAS DAS QUE CARECEN DE LINK EN INTERNET, SERÁN POSTAS DIRECTAMENTE COMO NOVAS ENTRADAS.

SI ATOPAS ALGUNHA OUTRA QUE NON ESTÉ NESTE LISTADO, NON DUBIDES EN NOTIFICALO, DANOS UN TOQUE PARA ENGADILA.

venres, setembro 14, 2012

Pitusa Lomba, Pedagoga, Logopeda, Criminóloga, Monitora de Tempo libre e Xerente do Centro Social de Cabo de Cruz

«Busco avivar a entidade a través dunha oferta variada»

Fai un balance positivo do primeiro ano de vida do centro

Lomba coordina o programa de actividades, pero tamén exerce de monitora. Simón balvís
Muller inqueda e soñadora onde as haxa, Pitusa Lomba ponse ao mando dun novo proxecto, o centro social de Cabo de Cruz . Tras varios anos de plena dedicación no museo de Neixón, apostou por cambiar de aires e dedicarse a múltiples tarefas dentro do novo edificio municipal, que a teñen totalmente encandeada.
-¿Cal é a súa función no centro social?
-Son xestora e coordinadora. Levo a programación e o inventario, pero tamén imparto talleres en calidade de monitora. Busco avivar a entidade a través dunha oferta variada. Este ano acollemos cursos de baile e artes plásticas, así como exposicións e maxia, entre outras moitas outras actividades.
-¿Por que deixou a súa actividade en Neixón e veu aquí?
-Deixar Neixón deume moita pena, foi un proxecto creado con moita ilusión que terminou por contaxiárseme. Pero xa levaba moito tempo, e ao vivir cerca do edificio, decidín virme ao centro social. Aínda que tamén influíu a miña necesidade de cambiar de aires. Esta é a terceira iniciativa que consigo levar adiante. A primeira foi a escola taller, máis tarde o proxecto de Neixón e agora o centro social.
-¿Que actividades realizan no centro?
- A pesar de que levamos soamente un ano, acollemos labores de todo tipo. Buscamos fomentar talleres nos que se aborde a escultura e a pintura. Facemos exposicións fotográficas, pero tamén mostras de pintura e escultura. Durante todo agosto e este mes ao completo, albergamos a colección da Pelu, de Amparo Fernández. Tamén fixemos un baile de disfraces. Colaboramos con outras asociacións de Cabo de Cruz e ademais con algunha que outra entidade da localidade boirense. O noso principal obxectivo é dinamizar o centro.
-¿Asisten moitas persoas aos cursos?
- Estou moi contenta, porque en pouco tempo veu moita xente, así que podería dicirse que é un éxito. Acoden múltiples persoas de todas partes da comarca aos talleres. En Multiobradoiro cubríronse todas as prazas e moitos pequenos tivéronse que quedar fóra. No verán houbo moitas actividades e considero que isto tivo moito que ver coa fluidez de xente que transcorreu polo centro.
-¿Esta é unha entidade local ou pretende ampliarse o seu foco de acción?
-Aínda que si é certo que a maior parte da xente que acode e participa no centro é de Cabo de Cruz , tamén hai moitas persoas de Boiro e arredores. Cando facemos unha exposición son moitos os veciños de Santiago, A Coruña ou incluso de Madrid que se achegan ao centro.
-¿Que diferenza atopa entre o seu labor en Neixón e a súa actividade nesta entidade?
-Teñen moitos puntos en común, pero para min trátase de tarefas moi diferentes, sobre todo porque cambia a temática. En Neixón, o contacto coa xente era máis directo. Aquí con todo é outro tipo de contacto, directo tamén, pero nun estilo distinto. Neixón era máis especializado.
-¿Que obxectivos ten vostede no centro?
-A miña meta é que o centro teña éxito e moito movemento, e tamén contar cunha boa programación como ata agora. O que busco é o bo funcionamento da entidade. A miña máxima é fomentar o centro e tamén todas as actividades culturais que ofertamos ao longo do ano.
Pitusa lomba xerente do centro social de cabo de cruz
«Deixar Neixón deume moita pena, foi un proxecto creado con moita ilusión»

Ningún comentario: