ENTREVISTAS REALIZADAS POR DIFERENTES MEDIOS SOCIOCULTURAIS E PERIODÍSTICOS A VECIÑOS DE CABO DE CRUZ

O COMETIDO DESTE BLOG É O DE RECOPILAR ENTREVISTAS A XENTE CERCANA A CABO DE CRUZ. A MAIORÍA SON FEITAS POLA VOZ DE BARBANZA, E UNHAS CUANTAS DO DIARIO DIXITAL "CERTO.ES", ASÍ QUE SIMPLEMENTE SON LIGAZÓNS A ALGÚNHAS DESAS REPORTAXES. OUTRAS DAS QUE CARECEN DE LINK EN INTERNET, SERÁN POSTAS DIRECTAMENTE COMO NOVAS ENTRADAS.

SI ATOPAS ALGUNHA OUTRA QUE NON ESTÉ NESTE LISTADO, NON DUBIDES EN NOTIFICALO, DANOS UN TOQUE PARA ENGADILA.

sábado, xuño 30, 2012

Jesús Torrado Vidal, «Marañas». Bateeiro e fotógrafo.

«O tempo que lle dedico á fotografía quítollo a estar coa miña familia»
Esteiro é un lugar tranquilo no que ademais se atopan moitos «bichos» para facer macrofotografías.

A casualidade foi a que fixo que un bateeiro de Cabo de Cruz acabara metido a fotógrafo. Jesús Torrado, máis coñecido por Maroñas, non vive da cámara coa que é frecuente velo ao lombo, pero si é unha parte importante da súa vida xa que, dende hai preto dun par de anos, ten un negocio, Studio A4, co que, polo momento, «estamos moi contentos».
De seguro, moitos dos seus veciños o recoñecen por ser o autor da reportaxe fotográfica do seu casamento ou do bautizo dun fillo, pero agora é el o que se pon diante do obxectivo no seu recuncho preferido, moi preto da súa casa: o litoral de Esteiro, en Cabo de Cruz. Alí vive, e gústalle porque é, ou máis ben foi, «un sitio moi tranquilo. Aínda que agora a xente descubriu esta praia e xa parece que vén todo o pobo. Se me descoido hai máis xente que en Barraña», bromea.

Ese espazo é tamén un lugar ao que soe acudir para cultivar unha das disciplinas que máis lle gusta, a macrofotografía, coa que se captan con todo detalle imaxes de pequenos insectos que logo poden verse amplificados: «É un mundo apaixonante, e máis relaxado que o traballo en estudio. Para min é un pouco como ir pescar, podes botar toda a tarde e facer centos de fotos e ao mellor non consegues nada».
Confesa ser un pouco «lacazán» e, tamén, que necesita un pequeno empuxón para poñerse en marcha. Esa é unha das razóns polas que aínda non sacou adiante un proxecto que ten na cabeza dende hai uns anos: «Quero facer unha exposición de macrofotografía, empecei a preparala e teño 7 ou 8, pero deixeina un pouco aparcada».

O certo é que o tempo tampouco lle sobra, xa que, pese a traballar no seu propio estudo, Maroñas non deixou a súa profesión de toda a vida, a mitilicultura. Asegura que combinar a batea coa cámara non é demasiado complicado porque normalmente vai ao mar só pola mañá, pero tamén recoñece que hai unha cuestión clave que fai posible que concilie unha cousa e outra: «Pódome permitir isto grazas á familia, porque o tempo que lle dedico á fotografía quítollo a estar con eles, sobre todo os fins de semana que case non os vexo. Neste sentido, si é sacrificado compaxinar o traballo na batea e as fotos». A falta de tempo é a razón de que deixara de lado os concursos fotográficos nos que participou noutra época.

Evolución
Un non pasa de ser bateeiro a afeccionarse á macrofotografía, por exemplo, da noite para a mañá, e este boirense viviu unha longa evolución dende que, hai 16 anos, descubriu por casualidade que a foto era o seu. Lembra que antes de viaxar a Italia visitou a uns parentes en Madrid que lle mostraron unhas diapositivas dos encantos do país transalpino: «Aí vin claro que quería facer unhas fotos coma aquelas. Ao principio facía vídeo, pero non me acababa de encher».

Pouco a pouco foi adquirindo material, facendo os cursos que se ofrecían na comarca, mercando mellores equipos... Ata que acabou meténdose máis de cheo, saíndo da comarca para asistir a novas actividades formativas, facendo colaboracións e presentándose a concursos. «Eu necesito ter unha motivación, algo que me obrigue a facer cousas, por iso comecei a presentar a concursos de fotografía. Ademais, naquel momento era a única forma de que se vira o meu traballo, e aínda gañei algúns certames».

ENTREVISTA ORIXINAL NA VOZ DE GALICIA