ENTREVISTAS REALIZADAS POR DIFERENTES MEDIOS SOCIOCULTURAIS E PERIODÍSTICOS A VECIÑOS DE CABO DE CRUZ

O COMETIDO DESTE BLOG É O DE RECOPILAR ENTREVISTAS A XENTE CERCANA A CABO DE CRUZ. A MAIORÍA SON FEITAS POLA VOZ DE BARBANZA, E UNHAS CUANTAS DO DIARIO DIXITAL "CERTO.ES", ASÍ QUE SIMPLEMENTE SON LIGAZÓNS A ALGÚNHAS DESAS REPORTAXES. OUTRAS DAS QUE CARECEN DE LINK EN INTERNET, SERÁN POSTAS DIRECTAMENTE COMO NOVAS ENTRADAS.

SI ATOPAS ALGUNHA OUTRA QUE NON ESTÉ NESTE LISTADO, NON DUBIDES EN NOTIFICALO, DANOS UN TOQUE PARA ENGADILA.

xoves, febreiro 07, 2013

TRINI FERNÁNDEZ - MAQUILLADORA DE ACTORES

«Gústame facer traballos nos que podo crear personaxes»

Desenvolve a súa profesión no eido do cine e do teatro

A boirense conseguiu un María Casares pola súa achega á obra «A ópera dos tres reás». simón balvís
Escrito por:   M. X. Blanco  L     07 de febrero de 2013    
 
Leva quince anos entre cremas, sombras e rimel, traballando como maquilladora de actores. A experiencia e o bo facer servíronlle á boirense Trini Fernández para ser merecedora dun premio María Casares, pola súa achega á función A ópera dos tres reás. Nestes intres, outro musical no que colabora, Galicia caníbal, está tamén nominado para ese mesmo galardón en varias categorías, unha delas, a de maquillaxe e perruquería.
-¿Como acaba unha boirense maquillando a actores en toda Galicia e mesmo en Madrid e Barcelona?
-Xa de pequena lle botaba unha man á miña irmá, Amparo Fernández, e fóiseme apegando a profesión. A maquillaxe, ao igual que as artes plásticas, sempre se me deron ben. Estando a estudar no Lamas de Abade, fixen un traballo que gustou e mandáronme para a Televisión de Galicia. Pouco a pouco funme introducindo no sector. Lémbrome agora de traballos coma Entre bateas ou O lapis do carpinteiro.
-De todo o que fixo, ¿con que se queda?
-O primeiro que me ven á cabeza é A ópera dos tres reás e Galicia caníbal, porque foron traballos que me encantaron porque desbordan creatividade por todas partes.
-Agora mesmo, ¿en que está mergullada?
-Estou cunha serie, Escoba, que se está gravando en Santiago e que vai xa pola cuarta tempada. Tamén teño unha película apalabrada de cara ao verán.
-Teatro, cine, televisión... ¿Con que se queda?
-Quédome cos traballos creativos. Dáme igual o xénero, sempre e cando non me limiten. Gústame facer traballos nos que podo crear personaxes.
-Nas rodaxes e no teatro terá que traballar a contrarreloxo...
-Si, sempre con pouco tempo e con presupostos moi axustados. Eu funciono ben traballando baixo presión, pero recoñezo que o escenario cambiou moito. Antes as películas rodábanse en dous meses a agora, en quince días. No teatro, imos de apoio ás grandes actuacións pero, para o resto, impartímoslles cursos prácticos aos actores e mesmo lles facemos fichas técnicas para que, ao longo da xira, se peiteen e se maquillen.
-¿Cal é o principal atranco á hora de maquillar?
-O resultado depende da materia prima e tamén do que teñas a obriga de conseguir. Ás veces, enfróntaste a un reto que parece difícil, pero a pel e as características da persoa fan que sexa doado e viceversa.
-Hai uns días impartiu un curso de automaquillaxe en Boiro, ¿cal era a finalidade?
-Era un curso básico de maquillaxe, para que a xente aprenda a sacarlle o mellor partido posible aos produtos que ten na casa.
-¿Cal é o erro máis común que comete a xente da rúa á hora de maquillarse?
-Na aplicación das bases. Fállase moito á hora de elixir o ton axeitado en función da cor da pel. Tamén é un erro común o non saber recoñecer o tipo de ovalo que temos.