LA VOZ DE GALICIA
09 de xuño de 2013
Ramón Hermo está convencido de que morrerá novo: «Hoxe traballo máis que nunca. Nin sequera cando montei Foelca traballaba tanto. Fago quilómetros como un mono. Non paro. Durmo mal ao mínimo problema, porque a miña cabeza, como o buscador dun computador, non para ata achar solucións. Morrerei novo, pero esta é a miña vida». Para entender as palabras deste emprendedor basta sinalar que ten factorías en Galicia, Castela León e Andalucía, e desenvolve iniciativas empresariais en Sudamérica ou Kazajistán.
-¿Non se sente cansado con 35 anos de labor empresarial?
-Só me atopo fisicamente cansado cando me dan os ataques de pinga ou tomo a medicación da diabetes. Mentalmente, estou coma se tivese 18 anos, teño a mesma ilusión. A min estas cousas rexuvenécenme. As empresas non se poden levar a distancia, hai que estar nelas, cos empregados. É a mellor forma de detectar os problemas a tempo para actuar de forma adecuada.
-¿Que foi do proxecto de reciclaxe de plásticos Plasticur?
-Estamos no proceso para facernos coa nave. Imos adquirir 70.000 metros cadrados e reservámonos unha opción de compra de 130.000. E é que practicamente xa temos carga de traballo porque reformulamos o proxecto inicial e aínda que mantemos a idea de reciclar plástico sucio para taboleiros cuxo uso poden ser encofrados, valos publicitarios, ou mobiliario, indagamos con éxito a fabricación e manipulación da fibra de carbono para a súa aplicación no sector da aeronáutica, mundo que ten hoxe moito traballo, e estamos a piques de asinar un acordo coa empresa mixta que fai o talgo de Kazajistán e sondamos opcións con Airbus.
-¿Máis iniciativas en mente?
-Como hai pouco lin na prensa que están a roubar tapas de sumidoiro de fundición, porque teñen saída no mercado negro de metais, deseñamos unhas de fibra con menos valor que xa espertaron interese nunha gran compañía. E agora estou inmerso en resolver os problemas de calcificación das caldeiras e quentadores en poboacións mediterráneas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario