ENTREVISTAS REALIZADAS POR DIFERENTES MEDIOS SOCIOCULTURAIS E PERIODÍSTICOS A VECIÑOS DE CABO DE CRUZ

O COMETIDO DESTE BLOG É O DE RECOPILAR ENTREVISTAS A XENTE CERCANA A CABO DE CRUZ. A MAIORÍA SON FEITAS POLA VOZ DE BARBANZA, E UNHAS CUANTAS DO DIARIO DIXITAL "CERTO.ES", ASÍ QUE SIMPLEMENTE SON LIGAZÓNS A ALGÚNHAS DESAS REPORTAXES. OUTRAS DAS QUE CARECEN DE LINK EN INTERNET, SERÁN POSTAS DIRECTAMENTE COMO NOVAS ENTRADAS.

SI ATOPAS ALGUNHA OUTRA QUE NON ESTÉ NESTE LISTADO, NON DUBIDES EN NOTIFICALO, DANOS UN TOQUE PARA ENGADILA.

sábado, agosto 09, 2014

RAQUEL SOUTO - MARISCADORA E NOVA PATRONA MAIOR DA COFRADÍA DE CABO DE CRUZ

Raquel Souto: «Aquí necesitamos paz, ata agora saltábase por todo e era terrible»
«O anterior patrón nin sequera me deu persoalmente as chaves», lamenta
MARÍA HERMIDA
Ribeira / La Voz  09 de agosto de 2014

Raquel Souto, mariscadora a flote, é a primeira patroa maior da confraría de Cabo de Cruz, unha das máis polémicas de Galicia. MARCOS CREO

Hai mans que falan por si soas. As de Raquel Souto, que acaba de tomar posesión como nova patroa maior de Cabo de Cruz (Boiro), son desas. Ten unhas mans duras, curtidas no mar, nas que incluso hai un pequeno vulto que, recoñece ela mesma, xa debería ter mirado. Véndoas, non fai falta que ela dea demasiadas explicacións dos anos que leva agarrando o raño para buscar ameixa nas praias da ría de Arousa. Foi durante bastante tempo a única mariscadora a flote da confraría. E agora converteuse na primeira muller que dirixe o pósito. Se se tratara dunha confraría ao uso, probablemente, repararíamos so nesa cuestión. Pero Cabo de Cruz non é un sitio calquera. Souto, que ten trinta anos e nunca antes estivera na directiva dunha entidade mariñeira, colleu as rendas dun dos pósitos máis convulsos de Galicia, así que a conversa empeza por aí.
-Formaba parte, aínda que non en primeira liña, do sector crítico. As urnas apoiárona e acaba de converterse en patroa maior de Cabo. ¿Como lle vai?
-Pois aínda estou aterrando. O bo é que me atopei con que todo o mundo quere axudarme, colaborar comigo, tanto os mariscadores como o persoal da entidade. Aquí, de momento, somos unha piña, e oxalá que dure. Porque só se estamos unidos, como estivemos no sector crítico, sairemos adiante na confraría. Polo de agora estou moi ilusionada.
-¿Como foi a súa chegada? O anterior e veterano patrón maior, Carmelo Vidal, ¿púxoa ao día de como están as cousas?
-Non, en ningún caso. Nin el nin a súa man dereita, a antiga presidenta das mariscadoras, que eran os que levaban todo aquí, xa que ao resto dos directivos non lles deixaban opinar nin facer, se dirixiron a min en ningún momento. De feito, o anterior patrón nin sequera me entregou persoalmente as chaves.
-É dicir, que está nun despacho que outra persoa ocupou durante anos e anos, rodeada de papeis que descoñece de que son...
-Pois si. Nos días que levo aquí empecei a mirar que é o que hai. Vexo por exemplo caixas de teléfonos pero non os aparatos... E cousas así. Por non falar do monte de papeis que hai e que non sei que son, porque teño que mirar un por un. Teño que empezar de cero con todo, desde adiviñar de que portas son as moreas de chaves que hai a outras cousas máis complicadas.
-¿Neste escaso tempo de mandato -tomou posesión o 26 de xullo- deulle tempo a ver cales son os problemas máis graves?
-Algúns xa os sabíamos de antes, pero agora son máis consciente deles. O furtivismo é un dos maiores problemas ao que temos que enfrontarnos, xa que somos o sitio de Galicia onde hai máis mariscadores ilegais. Pero tamén hai outras cousas. O persoal acumula meses sen cobrar, e iso tamén é moi grave e preocupante. Estamos facendo unha auditoría para intentar ver como están as contas, pero a cousa non parece pintar moi ben.
-Cando vostedes estaban no sector crítico había quen dicía que se algún día alcanzaban o poder mandarían á rúa a persoas como a secretaria ou a bióloga... ¿Pasóuselles pola cabeza?
-Para nada. Esas dúas traballadoras, que son as que hai ademais do vixiante, son imprescindibles. Elas son agora mesmo as que máis saben de como funciona a confraría. Foron elas as que me deron as chaves. De feito, e isto aínda que é unha anécdota foi real, as primeiras chaves que tiven foron as da señora da limpeza, porque o anterior patrón maior non as viñera traer o día que tomei posesión. Así que con iso dígocho todo. Estamos apoiándonos na secretaria e na bióloga porque basta con vir un día aquí para ver o que traballan e porque aínda por riba se lles deben cartos.
-Falaron dun furado económico de 100.000 euros, ¿esa é a cifra económica definitiva?
-Non, aínda nos están auditando as contas. E non sabemos como están ao 100 %. Falamos desa cantidade, pero igual é máis ou menos, ata agora non sabemos.
-Contábame estes días un colega de profesión seu que no marisqueo lle bota vostede bastante máis valor que os homes, que non a para ninguén rastreando a ría. Faralle falta toda a valentía co panorama que ten diante...
-Fará. Aínda que me sinto moi apoiada por toda a directiva e aquí as decisións tomaranse en consenso. Acabouse o ordeno e mando. Aquí necesitamos paz, antes saltábase por todo e era terrible. Así que eu vou tirar de ilusión e apoiarme moito nos directivos e en todos os mariscadores. Estoume sentindo moi apoiada. Pedín voluntarios para ir coller o argazo e foi todo o mundo, é unha pasada.

Ningún comentario: